16/03/24

Barbie, Cine e Moda

 


Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo
Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda', que se pode visitar no Museo Interactivo da Historia de Lugo
Conta con dúas seccións, unha dedicada á alta costura e outra ás figuras que reproducen personaxes cinematográficas
Abaixo, a bonequiña que non é de Mattel posa á beira das principais personaxes femininas dun musical que lle gustara moito, Grease




A maior parte das vitrinas están adicadas a figuras relacionadas co cine
Por suposto, non podía faltar a película que o ano pasado supuxo todo un fenómeno global
Efectivamanente, tamén está representada, xunto ao seu propio carro, a barbie que protagoniza o filme homónimo




Tampouco faltan as actrices protagonistas dalgunhas das principais obras de Alfred Hitchcock
Entre elas, Tippi Hedren  en Os paxaros ou a aristocrática Grace Kelly en A ventá indiscreta ou Atrapa un ladrón




Outro clásicos do celuloide, como é o caso de Foise co vento ou O mago de Oz, tamén figuran nesta sección da mostra
Complétana superheroínas de DC Comics, personaxes élficas de O señor dos Aneis ou membros das familias Adams e Monster




A segunda parte da exposición está conformada por barbies que locen deseños de moda, algúns feitos expresamente para elas
Deste xeito, réndeselles homenaxe a creacións coma as de Coco Chanel, Ágatha Ruíz de la Prada, Karl Lagerfeld, ou Yves Saint Laurent




Curiosamente, entre todas estas pezas de coleccionista non figuran ningún Ken, nin sequera o da peli Barbie
Pero si se poden atopar numerosas personaxes masculinas, sobre todo no apartado cinematográfico, como Elvis ou James Dean



O pirata Jack Sparrow, a tripulación da USS Enterprise ou os superheroes de DC tamén posan entre placas de metacrilato
Algunhas das figuriñas que se amosan nesta exposición corresponden a edicións con menos de mil exemplares en todo o mundo
Poderán admirarse nesta mostra sobre a presenza desta icona no cine e na moda, por vez primeira no noso país, ata o vindeiro 1 de maio

28/02/24

Martin Eden


Esta gran novela conxuga dúas das miñas afeccións, que son Jack London e as traducións ao galego
É dicir, o mesmo que A chamada da selva (Xerais, 1982) ou O viaxeiro astral (Galaxia, 2007), que xa lera antes
(Esta última, ademais, traducida por un home con que tiven a sorte de tratar en persoa, o polifacético Xoán Abeleira)
Ambas as dúas son un tesouro, pero é que Martin Eden (Irmás Cartoné, 2019) vai máis alá á hora de tocar a fibra sensible
O mesmo ano Rinoceronte publicara a tradución de Fame, de Knut Hamsun, unha obra de 1890 que ben puido inspirar estoutra




Sobre estas liñas, vemos un exemplar da primeira edición da novela, de 1909,  e mais o autor 
Tamén temos aquí a portada dunha tradución ao checo de 1967, publicada pola editorial Svoboda
Como tantos outros relatos tecidos polo escritor estadounidense, o de Martin Eden tivo éxito mundial
Narra a historia dun mariñeiro cheo de vitalidade que non tivera a oportunidade de acceder a uns estudos
Tras coñecer unha moza de familia acomodada que o alenta a volver á escola, decide instruírse pola súa conta
Daquela le en tempo récord bibliotecas enteiras e comeza a escribir de forma compulsiva ata case morrer de fame
Ninguén dá un peso por el, todo o mundo o comina a ceder nas súas pretensións de vivir dos contos e sentar cabeza




Martin Eden é alta literatura, sen nada que lles envexar a clásicos bastante máis coñecidos
De feito, á súa vez puido inspirar obras mestras coma A montaña máxica, que fai agora cen anos
Supón unha crítica feroz ao capitalismo e á valoración da xente en función das súas posesións materiais
Unha alegación, de fondo carácter autobiográfico, contra a explotación laboral inherente ao soño americano
En resumo, toda unha condena contra unha sociedade insolidaria con quen máis apoio precisa para saír adiante
A historia que conta foi xa obxecto de varias adaptacións cinematográficas, a última delas dirixida por Pietro Marcello
A súa libera trasposizione, que tivo éxito de crítica, foi estreada en 2019, o mesmo ano que a novela se publicou en galego
A tradución correu a cargo da propia editora de Irmás Cartoné, Celia Recarey, quen se esmerou co traballo de levala á nosa lingua


27/01/24

Paisaxes de Lugo (VIII)



As augas torrenciais do Miño en plena enchente encabezan esta nova entrada sobre as paisaxes lucenses
Como as seguintes que se poden ollar aquí, trátase dunha foto feita durante as coberturas do traballo dos últimos meses
É tamén o a caso deste amencer xeado na Terra Chá, unha estampa de hai case un ano captada en Cospeito, entre Castro e Abadín 




Chairegas son tamén as brétemas dun fotograma dun vídeo que gravara daquela dende o coche do choio
Non así estoutra imaxe que capta a negrura do ceo antes dunha treboada na vía rápida que conduce de Sarria a Lugo
Ou, baixo estas liñas, os carros aparcados á beira do parque lugués de Rosalía durante as últimas nevadas que houbo na cidade




As grandes masas de auga figuraron, unha vez máis, entre os meus temas predilectos á hora de ser fotografados
Xa fóra da xornada laboral, tiven a sorte de poder percorrer acotío os cursos fluviais que rodean a urbe onde resido, como é o caso do Miño




Hai case un ano, amosei unha colección de estampas coas árbores espidas a se reflectiren nas augas mansas 
Ademais do Miño, o Fervedoira, o Rato ou o Mera foron outros ríos que visitei e que retratei sempre que puiden 




Podemos ollar aquí varias vistas xeadas do punto onde conflúen as augas do Fervedoira e mais do Rato




Contra a primavera, un ano máis puidemos observar o espertar da natureza a través das flores máis temperás




Ao pouco do cambio de estación, tivemos que acudir a un incendio forestal na confluencia da Fonsagrada, Baleira e Ribeira de Piquín




Polo demais, a primavera na maior parte das comarcas lucenses implica unha explosion da cor verde
É o pigmento das follas tanto das árbores frondosas como da herba dos prados que rodean 
estes amplos territorios do país




Mediada a estación, abundaban as flores dos mexacáns




E contra o final, as coloridas campaíñas dos estalotes
Baixo estas liñas, os ceos que podiamos ollar nese tempo




O día do solsticio de verán rematou co sol poñéndose así ao fondo da rúa Miño




Daquela, aproveitando os días longos, percorrera as beiras do río Mera ata O Veral
No treito de Orbazai, onde atravesa o monte, podíanse ver queirugas floridas coma estas




E outras moitas marabillas da natureza no seu momento de apoxeo




Xa á volta das vacacións estivais, cadroume un día oír e ver unha carricanta
E coa prolongación do verán ata mediados de outubro, puiden captar máis espellos no Miño




Velaí temos unha fermosa casa tradicional da Terra Chá, na vila de Castro de Rei




Sobre estas liñas, vemos estampas de Lugo que datan daquelas semanas
Chairegos son tamén estes louzáns choupíns que saíron nun prado de Xermade




Unha vez empezou a chover, logo apenas parou, como nos pasou nesta vivenda premiada en Riotorto
Así e todo, houbo pausas con días de sol que souberon a delicia outonal, en que daba gusto saír pasear pola cidade




Do mencer ao solpor, os días fóronse acurtando aceleradamente
É tempo de recollemento, onde tamén caben as saídas polo adarve ou polo centro




E é época tamén de contrastes entre amenceres neboentos e solpores que dá gloria ver




 Tanto na montaña coma na Chaira ou na urbe, a luz crepuscular non defrauda baixo ningunha das súas formas

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...