30/04/08

Viatge a Barcelona: Sant Jordi


Os cataláns teñen o seu propio Sigfrido matador de dragóns
É San Xurxo, que pasou pola espada o monstro para salvar a doncela
Concluímos a visita á capital catalá ao final dun día grande
Marchamos coas imaxes do Sant Jordi gravadas na retina
Non as do heroe da lenda, senón as da festa nacional
E cando digo festa nacional, é unha festa nacional en toda regla
Cos símbolos cataláns omnipresentes por toda a cidade
A "Senyera" ondeaba non só nos edificios institucionais
Tamén nos hoteis, como tódolos días
Pero ademais, en cada recuncho de cada barrio
En todo lugar no que se vendese un libro ou unha rosa
-É dicir, en tódalas partes-
Disque se comercializan nese día seis millóns de flores
E que a industria editorial vende a metade da súa produción
Esa si que é unha festa civilizada
-Consumista, si, pero civilizada a fin de contas-
Gran parte dos libros que se venderon estaban en catalán
-Como non podía ser menos nunha sociedade así de avanzada-
Eu diría que máis da metade das obras que se puxeron á venda
E digo eu, esta situación sería inimaxinable no meu propio país
É dicir, millóns de persoas mercando millóns de libros
Nun só día, e por se fose pouco, no seu propio idioma
Seica é cuestión de tratarse dunha lingua de prestixio
Úsase con prioridade nas relacións económicas e sociais
Non só no mundo da política ou nos eidos familiares
É máis, deume a impresión de ser unha situación inversa á nosa
-Porque do contrario non me cadran os números-
A única autonomía na que o castelán non é maioritario é a galega
Hoxe por hoxe, aínda segue a ser así
Malia todo, pode dar a impresión contraria en Cataluña
O catalán está presente en tódolos letreiros dos negocios
-Mesmo os dos "nouvinguts" paquistanís ou chineses-
Os dependentes aténdente en catalán en tódolos comercios
Os camareiros, en tódolos bares, cafés e restaurantes
Os altofalantes, en tódolas estacións de tren ou de metro
Mesmo está na boca dos adolescentes nos institutos
E na dos nenos das garderías, monolingües
En resumo, lévannos moita vantaxe
En materia de normalización lingüística, van décadas por diante
Ademais, o seu é un sistema bilingüe compensado
No que os nenos van aprender español de tódolos xeitos
Xa sexa polas canles de TV xeralistas ou pola prensa escrita
De feito, mesmo falan mellor castelán que os de Madrid ou Sevilla
En troques, o sistema galego está desequilibrado por completo
Recluído ó ámbito das familias, de portas adentro, e pouco máis
Neste senso, teño claro o nome do noso dragón
Non é outro que a diglosia, que aínda hoxe impera nestes lares
E o San Xurxo que precisamos se cadra sexa máis apego ao propio

28/04/08

Viatge a Barcelona: Saló del Còmic




Logo dunha relativamente longa ausencia xa estamos de volta
Estivemos por terras catalás, máis que nada en eventos culturais
O primeiro que nos compete é o Salón do Cómic de Barcelona
Esta feira non só supón unha gran concentración de freakies
Como cabía esperar, atopamos tódalas novidades editoriais
Por suposto, tanto en español como en català
-Como se pode apreciar na foto superior de ''Els Barrufets''-
Cómpre sinalar que en catalán pode adquirirse case todo
Dende ''Watchmen'' de Alan Moore ate ''Persepolis'' de Satrape
Pasando pola colección completa de Tintín ou de Astérix, claro
É dicir, todo o contrario do que ocorre no panorama galego
Pero non todo van ser malas noticias (ou boas, segundo se mire)
A revista ''Retranca'' foi premiada como a mellor nova publicación
Si, si, a galega, a que dirixe de xeito encomiable Kiko da Silva
Noutro orde de cousas, polo Saló pasaron moreas de estrelas
Unha delas foi o xenial Moebius, retratado no centro
Tamén asistíu Milo Manara para asinar exemplares das súas obras
Ou os máis veteráns debuxantes de ''El Jueves''
O galego David Rubín tivo un especial protagonismo na mostra
Era un dos poucos autores que contaban con exposición propia
Como a que tamén había adicada a ''De Profundis''
-O filme de Miguelanxo Prado do que xa falamos no seu día-
Ou tamén a de ''O labirinto do fauno''
-A película histórico-ficticia de Guillermo del Toro-
A esta mostra corresponde a última instantánea


13/04/08

Que gran verdade

Sen comentarios
-Porque... que mais se pode dicir?-
Hai frases brevísimas que encerran en si mesmas grandes verdades
E creo que esta é unha delas
Aplicable, ademais, a calquera eido
Supón unha clara mostra da universalidade do saber popular
Porque isto vale aquí e mais na Conchinchina
-Ou se cadra non?-
En todo caso, como se pode adiviñar, a cita fai referencia ó Albariño
Esa festa-macrobotellón na que se incentiva a creatividade camisetil
E esta camiseta é do máis redondo que teño visto
Mesmo supera o mítico e escueto "Chejar e encher"
Topei con esta xoia na páxina de "Unha Grande Chea"
-Moi interesante, por certo, a weblog da comparsa-
Nunca fun moi partidario deste tipo de indumentarias
Pero neste caso teño que recoñecerlle o mérito ó autor
-Quen queira que sexa-
Máis que nada por gardar a quintaesencia dunha idiosincrasia
A do meu pobo
E en estado puro

09/04/08

Os cómics de Miguel

Esta é unha pequena mostra das artes de Miguel
Miguel Fernández, compañeiro de viños e excelente conversador
Pero ademais bo debuxante, como se pode apreciar nestas viñetas
Corresponden á primeira páxina dunha historieta chamada "GTI"
Ten máis cómics, que se poden entrever na súa bitácora
-Como coautor dos guións figura Xosé Luís Ansemil-
O seu é un exemplo máis da nosa gran canteira de creadores
Porque, a nivel creativo, se en algo somos potencia é no cómic
Prado, Da Silva, Das Pastoras ou Rubín son só dos máis coñecidos
Por non falar de humoristas gráficos como Siro, Marín ou Leandro
Na páxina de culturagalega.info pode verse un listado de ilustradores
-Non están tódolos que son, pero si son tódolos que están-
Tan numerosos creadores augúranlle moito futuro ó cómic galego
Coma o que ten Miguel na confección da súa propia banda deseñada
-Que non todo vai ser degustar viño ou cervexa polas tabernas
Aínda que sexa dándolle leria por Lugo adiante a un servidor-


07/04/08

SOS Courel (II)

Aínda que poida parecer unha montaxe, esta foto é real
Foi sacada na louseira da Campa, no Courel
Existen fotos posteriores, pero nelas xa non se recoñece a paisaxe
E, por suposto, xa non hai nin atisbo da fervenza
No Google Earth pode verse unha imaxe por satélite da zona
Nela distínguense as inmensas áreas afectadas polas canteiras
A modo de grandes feridas abertas no corpo da serra
Localízanse entre Folgoso do Courel e a fermosísima aldea da Seara
Onte mesmo vin un documental devastador a propósito disto
Tratábase dunha entrega de "El Escarabajo Verde", en "La 2"
Baixo o nome de "O Courel sale a la pizarra"
Resultou ser un traballo moi ben feito, no que se investiga a fondo
Chegan a dar información sobre quén está detrás da louseira
E resulta que se encontra, para variar, Caixa Galicia
-Como ocorre con Audasa, coa que se renovou a concesión ata 2048-
E explícase así por qué O Courel non é parque natural
Cando se trata da serra cunha maior biodiversidade de todo o país
Ademais, as imaxes que se amosan dan arreguizos
Coma o caso dun río completamente cuberto con sedimentos de lousa
E danse datos xa sospeitados, pero non menos estarrecedores
Como que a louseira eliminou pouco a pouco o resto dos oficios
Mais sen redundar, vampirizantemente, na economía da comarca
-Máis depauperada e despoboada ca nunca, pero menos ca mañá-
En fin, un documento esclarecedor sobre aspectos tan escuros
Unha mensaxe cun agoniante S.O.S. que move á reflexión



03/04/08

A pandilla cibernética











Tempo había que quería acoller neste lar esta bitácora colectiva
Fálovos de "A pandilla cibernética", un blog no que colle de todo
Principalmente está dirixido a expoñer eventos sociais
Como viaxes, ceas e festas de gardar
-O que se di as ocasións especiais-
Pero tamén hai ocos para as cousas cotiás
É o caso da foto de Jechu/Jesús aplicándose nun taller de artistas
-O seu é a escultura-
Tamén se pode ver a Berto, que para min é máis que un familiar
Ou Víctor, Isa, Fer e Isi degustando uns bos viños
Ou mesmo Beni e de novo Isidro en pleno Entroido cambadés
-E moitos outros amigos en distintos saraos-
A verdade é que son retratos que non teñen desperdicio
Momentos únicos captados para o gozo común


Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...