01/09/16

Un lustro con Selma



Hoxe énos un día de celebración, posto que xa levamos cinco anos coa nosa filla
Neste primeiro de setembro, xoves coma cando naceu, Selma cumpre un lustro de vida
O simpático retrato que se pode contemplar sobre estas liñas é da autoría de Jose, o tío de Marta




Un ano máis, a nena pasou doce meses, verán e inverno, a cabalo entre diversos lugares
Tanto xunto ao Baco de Leiro, en Cambados, coma onda á estatua de María Pita, na Coruña
E a maior parte do tempo en Lugo, onde naceu e onde reside dende aquela e onde vai á escola




Aquí está no colo de Uxía Lambona, que deu un concerto en Lugo tralo Entroido
Abaixo, vese como toca unha batería feita á súa medida na casa duns amigos en Conturiz
Tamén se pode ollar unha imaxe da obra teatral en que participaron Marta e ela o Día das Letras




Aquí vémola cos seus avós cambadeses nas súas vodas de ouro
E abaixo, coa súa avoa coruñesa no Carnaval de Verán de Montealto




Estas outras fotografías corresponden a unha festa en que o pasou moi ben
Os amigos de Semente Lugo facían a presentación do novo colexio en Santa Comba




O verán foi, un ano máis, tempo de troula nos principais festivais musicais
A nena puido, por fin, cumprir o seu soño de acudir aos concertos do San Xoán Pequeniño
Tamén puido asistir aos de Cultura Aberta, aos do Festival do Estío ou á Romaría Cativa de Bonaval




E na Feira das Marabillas puido navegar nun barco viquingo
Foi xusto antes das 'viaxes dos pequeniños' que emprendemos nas vacacións
Nelas visitamos as Fragas do Eume, paseamos por Ferrol ou bañámonos en Fisterra




Aquí temos unha ninfa avistada á beira mesmo do río Eume
A mesma que abaixo posa cun "gnomo" nunha rúa da ferrolá Magdalena
Houbo tamén quen a viu aparecer nas augas da ría de Aldán, nunha visita ao Morrazo





Selma xa pasou a varicela, xusto cando comezaba as vacacións
Como resultado aínda se está a recuperar das marquiñas das postelas
Por tal motivo, a nena tivo que botar todo o verán co torso protexido do sol
Polo demais, goza dunha boa saúde e cada día é máis bulideira e agarimosa


Ningún comentario:

Barbie, Cine e Moda

  Vimos de ver unha mostra con preto de 200 edicións limitadas da boneca máis famosa do mundo Trátase da exposición 'Barbie, Cine e Moda...