29/12/17

Selma en 2017


Este 2017 que está a piques de rematar foi un ano moi importante na vida da miña filla
Principiou nada menos que os estudos de Primaria, polo que xa domina as letras minúsculas
Ademais, visitou varios países da Península Ibérica, o centro de Ourense e mais a cidade de Vigo
Na foto en que figura en pé, abaixo, vémola marcando tendencia pola praza de Lugo, onde é o propio





A petición súa, un ano máis realicei un vídeo coas lembranzas da nena ao longo destes doce meses
Entre elas figuran as súas actuacións de teatro e de danza, os nosos aniversarios e uns cantos concertos
Agardamos que o ano vindeiro traia novas e aínda mellores experiencias para ela, para nós e mais para todos vós



01/11/17

Museu do Brinquedo Português



En Ponte de Lima hai un centro dedicado á historia dos xoguetes
Trátase do Museu do Brinquedo Português, que alberga milleiros de pezas
É, por tanto, un destino familiar que sen dúbida fará as delicias dos máis pequenos
Mais tamén logrará chamar a atención dos maiores con xoias coma esta cociña en miniatura




Nas vitrinas do museo hai expostos xogos antigos, algúns mesmo centenarios
Son anteriores á fabricación industrial dos enredos con materiais coma o plástico




Sobre estas liñas, podemos ollar uns pitufiños, entre outros bonecos
Por baixo, sobre o estante, vemos as correspondentes casiñas nos cogomelos




O museo dispón dunha ludoteca para se divertiren os nenos
Nela, ademais de lapiseiros hai tamén libros para que poida ler




Un dos principais reclamos do museo é este espléndido exemplo de modelismo ferroviario
E nos xardíns, os cativos poden xogar ao aire libre cos pasatempos que van atopando ao seu paso




O museo inaugurouse hai agora cinco anos, fornecido con pezas de diversos doadores
A súa sede é a Casa do Arnado, que se encontra na beira dereita da ponte romana da vila


01/10/17

Dez anos do Castelo dos Pitufos



Hai hoxe dez anos iniciaba este blog, un proxecto en que sigo embarcado
Nun principio tratábase dun pasatempo en que abordaba sobre todo obras de ficción
Foi ese espírito lúdico, de mero lecer, o que lle fixo valer o nome que conservou a bitácora
O dunha "edificación histórico-ficticia con vistas a un pequeno mundo azul" en continua construción





Acababa de facer 30 anos cando principiei esta aventura
Dende aquela a miña vida mudou en moitísimos aspectos
Acontecéronme unha morea de cousas, a maioría positivas
Delas, a primordial foi que Marta e eu formamos unha familia





A páxina xa levaba tempo sendo tamén un arquivo das nosas mellores lembranzas
Dende entón, plasmar as nosas propias experiencias pasou a incluir ademais as da nosa filla





Recollemos, por exemplo, o seu paso pola gardería antes de comezar a ir ao colexio
Ou as vivencias cos avós, cos tíos, cos curmáns ou cos amigos da nena ao longo destes anos




Tamén houbo lugar para as visitas a parques como o de Marcelle ou Avifauna
Ou aos acuarios da Coruña ou do Grove, onde Selma e nós o pasamos fenomenal





A divulgación da creatividade artística é outra das vocacións do blog
Por conseguinte, ao longo desta década demos conta dunhas cantas exposicións
Tanto por parte dos nosos amigos como doutras que fomos visitando en diversos museos






As viaxes e as escapadas que realizamos nesta década ocuparon boa parte da bitácora
Así, relatamos moitas das nosas experiencias en diversos países deste e doutros continentes




Fomos a Inglaterra, Gales, Rusia, Romanía, Polonia, a India ou o Canadá
E estas viaxes deixáronnos fermosas estampas e mais inesquecibles recordos





Co gallo deste décimo aniversario realicei unha serie de montaxes fotográficas
Nelas figuran varios pitufiños a celebraren que este blog cumprise unha década de historia


Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...